Varias pedras volcánicas caen do ceo nun chalé de Oleiros

Aínda non empezara a cea, pero toda a familia estaba reunida nun chalé  de Breixo (Oleiros). Pasaban as oito da tarde do venres 18 e Ana Caínzos e a súa irmá saíron á terraza. Foi entón cando un enorme son procedente da parte posterior da vivenda sobresaltounas. Ao principio a familia tomouse a broma o que dicían as irmás. Ata que o día seguinte, Javier Alfaya, o marido de Ana, decidiu inspeccionar a leira traseira. Primeiro atopou unha pequena rocha que lle chamou a atención e logo outros seis minúsculos fragmentos. Eran pedras estrañas que nunca vira ,«Estaba case convencido de que era un meteorito», explica. Esta convicción levouno a poñerse en contacto coa profesora de Química da UDC María Vitoria García Dopico, que, á súa vez, levou os fragmentos para analizar no Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. Un primeiro exame con microscopio estereoscópico xa descartou que se tratase de pedra espacial xa que eran demasiado escoriáceas para ser un meteorito e, ademais, estaban invadidas por bacterias e tiñan moito pole de piñeiro nos ocos. Pero chamoulle a atención que non eran rocas propias de Galicia, polo que enviou a analizar as mostras por difracción de Raios X e por fluorescencia de Raios X para ver cal era a súa composición mineral. E foi aí cando saltou a sorpresa. Non era, efectivamente, un meteorito, senón algo máis estraño aínda: eran pedras volcánicas caídas desde o ceo. A hipótese que se manexa é que as pedras puideron caer dun avión que nalgún momento tivese a súa orixe ou destino nas Canarias, que as rochas se incrustasen nas rodas da nave na pista de despegue, que logo se coasen no interior do oco onde se garda o tren de aterraxe e que posteriormente caesen ao abrirse esta estrutura na súa aproximación ao aeroporto de A Coruña.

 

Fontes: Lavozdegalicia.es

 

Esta entrada foi publicada en 1º bacharelato, CCMC. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta