Pilotar un avión coa mente

Un equipo de científicos do Instituto de Sistemas Dinámicos de Voo da Universidade de Munich (Alemaña) deseñou un gorro de piloto que permite guiar un avión co pensamento, sen necesidade de coñecementos previos de aviación nin o emprego de pedais ou mandos.

Para as probas no simulador de voo contaron con sete participantes que diferían no seu nivel de experiencia de voo e incluían a un que non tiña ningunha experiencia. Os resultados foron moi positivos: todos eles manexaron o avión con gran precisión, suficiente para cumprir cos requisitos dun exame para obter a licenza de voo. O sistema funciona cunha comunicación home-máquina grazas ás ondas cerebrais dos pilotos que se miden utilizando eléctrodos que están conectados ao gorro ou casco. Despois, grazas a un algoritmo desenvolvido por científicos do departamento de psicoloxía biolóxica do Instituto de Tecnoloxía de Berlín, descífranse os impulsos eléctricos e convértense finalmente en comandos de control útiles. O interesante deste dispositivo que procesa o sinal puro dos impulsos cerebrais eléctricos, é que “unha visión a longo prazo do proxecto sería facer máis accesible o feito de voar para as persoas; co control do cerebro, voar, en si mesmo, podería ser máis fácil. Isto reduciría a carga de traballo dos pilotos e desta maneira aumentaría tamén a seguridade. Ademais, os pilotos terían máis liberdade de movemento para manexar outras tarefas manuais na cabina”, afirma Tim Fricke, líder do proxecto.

Fontes: La Voz de Galicia

Esta entrada foi publicada en 1º bacharelato, CCMC. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta